fishnet - Share on Ovi

Peixes contaminados nas nosas mesas e a poboación pesqueira cada vez máis decimada. En que despachos, quen e como se xestionan estas calamidades? No caso español hai mostras evidentes de que os representantes non actúan da forma máis adecuada. No Parlamento Europeo en ocasións acúsase a España de encubrir a pesca ilegal e fagocitar os recursos naturais; pero cando os pescadores protestan ante eles pola grave situación pola que están a pasar, os representantes españois explican que en Bruxelas ninguén lles entende nin lles respecta.

Tanto se lamentan que certamente parecera que o seu traballo está boicoteado ou ninguneado. Con todo, entre maio e xuño de 2011 a Comisión Europea presentou tres informes demoledores para a xestión pesqueira española.

  • O primeiro deles, o Informe anual económico da frota europea de 2010, trata de avaliar a situación da frota e a súa posíbel evolución para tomar as medidas acaídas. Lamentabelmente nel denúnciase que non pode avaliar a situación económica e perspectivas de España, pois os responsábeis da Administración española non achegaran ningún dato do ano 2008 e só algúns parciais para o período 2002-2007. Coa información facilitada, os expertos simplemente foron incapaces de debuxar cal é o escenario actual e a perspectiva futuras.
  • O segundo deles, o Informe sobre as actividades realizadas polos Estados Membros para conseguir un equilibrio sustentábel entre a capacidade pesqueira e as oportunidades pesqueiras, trata de seguir, se cadra, o aspecto máis importante para garantir a viabilidade económica da frota, a súa adaptación aos recursos pesqueiros existentes. Nel facíase unha avaliación cuantitativa da calidade e cantidade de información facilitada aos servizos de avaliación e seguimento da Unión Europea para cada país. España era o país peor valorado en ambos os dous aspectos.
  • O terceiro deles, o informe sobre a Aplicación do programa de recuperación da pescada europea e o lagostino, trata de avaliar se se estaban aplicando correctamente os plans deseñados para xestionar ambas as dúas especies. Nos dous casos España ten un rol principal, pois dispón do 64% da cota de pescada e do 41% da de lagostino. O informe apunta a que posibelmente non existe un control adecuado dos desembarques, e que probabelmente hai un desaxuste entre a potencia do motor das embarcacións rexistrada e a real. Ambos os dous aspectos favorecen os desastrosos resultados que indican que as capturas de ambas as dúas especies foron 2,4 e 2,8 veces superiores ás toneladas permitidas. En termos económicos a Comisión non deixa lugar a dúbidas, o incumprimento saíu caro e sairá moi caro: "a aplicación plena do programa de recuperación desde 2006 incrementaría os beneficios netos actuais para todo o período". Pero en troques, agora España, sen dúbida, será penalizada na cota correspondente nos vindeiros anos, con consecuencias dramáticas para a pesca artesanal, que ten nalgúns segmentos unha dependencia moi alta da pescada.

Se os exames en Bruxelas teñen tan malos resultados, canto menos tan alarmante é a recente información facilitada pola organización Oceana, onde demostra que o Goberno agachou, durante sete anos, un informe que, baixo a etiqueta de confidencial, advirte sobre os altos niveis de contaminación dalgunhas quenllas como o peixe espada, o marraxo ou a tintoreira.

Foi necesario acudir aos tribunais para dispor dun informe contratado polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, pagado con recursos públicos e elaborado polo Instituto Español de Oceanografía, outra institución pública. E agora, en pleno debate da reforma da Política Pesqueira Común, as primeiras propostas dos representantes, desde o noso punto de vista, van totalmente desencamiñadas, defendendo que é imposíbel facer unha boa política socio-económica se se prioriza a xestión ambiental.

Por iso, desde moitas organizacións sociais, agrupacións pesqueiras e organizacións ecoloxistas trasládase a necesidade dunha reacción rápida e contundente por parte da Administración pública. Comezar aseando o noso patio é o primeiro paso para gañar credibilidade e sumarse a posicionamentos que apuntan a un modelo de pesca con futuro, é dicir, que premie ás frotas máis selectivas, con menos impactos ambientais, que máis distribúan a riqueza; que non privatice os recursos pesqueiros; que priorice a pesca artesanal sustentábel; que acabe co incumprimento lexislativo; e que non se pesque máis aló dos niveis que garanten o máximo rendemento sustentábel. Saberemos facelo? Vainos niso o prestixio, o ecosistema mariño e o sistema socioeconómico pesqueiro.

Orixinal -->  Público


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel