PXOM - Share on Ovi

 Persoas individuais, colectivos culturais e sociais, asociacións veciñais e diversos espazos da sociedade civil coruñesa queremos manifestar a nosa disconformidade rotunda, ante a aprobación inicial (unilateralmente acordada desde o concello da Coruña incluso co informe desfavorable da XUNTA) dun PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), que se materializaría na formulación dun modelo de cidade insostivel, laboral, ecolóxica e socialmente falando.

Expresamos a nosa disconformidade en forma de exigencia do Dereito á Cidade. Unha cidade, a de todas e todos, necesitada de procesos de diálogo social real, recibe un plano xeral tremendamente inconcreto, oscuro, difícilmente comprensible e contrariamente do que se quere facer ver, con elevados déficits no que a participación e debate cidadán se refire.

A exclusiva presenza de administracións-partidos e centros de decisión económicos privados (lobbies económicos e grande empresariado da cidade) marca a ausencia dun plantexamento dialogante e participativo con unha sociedade civil activa e recoñecible (asociacións culturais e sociais, agrupacións de profesionais, asociacións veciñais, colectivos de base,..) ninguneada e francamente ausente do proceso de creación deste importantísimo plan de ordenación municipal. Un PXOM que demarca as liñas que dentro do termo “modelo de cidade” marcarán o futuro social, económico, cultural e ambiental da cidade. Grazas ao que leemos neste PXOM, un futuro, inconsciente
e francamente en suspenso.

 Que modelo produtivo (económico) impón o PXOM?

O modelo de cidade terciaria que se nos impón desde o PXOM atendería a un esquema insostible e irreal laboralmente falando, no que se valeira o sistema produtivo da cidade para sustituílo por dous eixos de elevado custo ambiental e difícil consolidación económico-produtiva.Primeiro un ilóxico tecido de grandes centros comerciais que socavan o pequeno e mediano comercio, entregan as traballadoras e traballadores a elevadas doses de precariedade laboral e impoñen ás cidadás un modelo de consumo irracional moi por riba das demandas actuais e futuras da cidadanía da área metropolitana.E segundo, un porto exterior (sobre o que pivotaría segundo o Plan e o seu autor, Joan Busquets o tecido industrial e o futuro económico da cidade) técnicamente cuestionado por persoal experto, administracións e cidadanía, sen uns orzamentos rigurosos e realistas, e dependente do proceso especulativo da venda dos peiraos do porto industrial actual, na altura bloqueada polo estoupido da burbulla inmobiliaria nunha cidade onde o 15% das vivendas están actualmente valeiras.

Que modelo urbano (ambiental, territorial, social..) impón o PXOM?

O PXOM fala de “reestablecer a relación co medio natural” algo que vai en clara confrontación coas directrices marcadas en relación á creación de novos recheos, megainfraestructuras, ou novos polígonos industriais e residenciais.Hoxe podemos afirmar que as zonas verdes nomeadas pola concellería de Urbanismo están ausentes do plano, ou dependen en gran medida de concellos limítrofes, algúns dos cales xa manifestaron a súa indisponibilidade ante o abuso do municipio capitalino.Tamén podemos afirmar que o que se supón un dos seus eixos centrais (a extensión de vivendas de protección) é fume co que tratar de lexitimar e dar un marco institucional formalizado a polígonos urbanizables (e Convenios de última hora e duvidoso plantexamento) onde a extensión da especulación e a xentrificación con actores privados serán o principal elemento urbanizador dunha cidade xa tremendamente densificada. Finalmente, unhas infraestructuras que na realidade violentan a cidade peonil (fraccionandoa con autopistas como a terceira rolda que aillam físicamente barrios, rúas, veciñanzas) para dotar principalmente de comunicación a empresas privadas (radicadas esencialmente en grandes centros comerciais e polígonos industriais de futura construcción) e apoiar un modelo delirante de transporte onde, de seguirmos co sistema de mobilidade en uso non solucionaremos os problemas de saturación automovilística da urbe. Deberíase solucionar as carencias dunha área metropolitana sen alternativas reais de transporte público, e con hexemonía absoluta e dependencia total do vehículo particular co custo de tempo, económico, e ambiental que isto require.Máis unha carencia manifesta do PXOM é o tratamento ineficiente ou vago do tecido rural; a única alternativa plantexada para os núcleos rurais existentes no termo municipal é a de ser fagocitados polo tecido urbano, sen posibilidade de hibridación e enriquecemento mutuo. No mellor dos casos plantéxase unha conservación dos núcleos tradicionais en tanto elementos históricos, máis destrúese ou ignorase o territorio que lles dá sentido. O territorio que rodea ós núcleos tradicionais (rurais) dalles razón e forma. Por si mesmo ese territorio ten un valor cultural (pasaxes culturais, elementos etnográfico, elementos históricos…) e ten un valor ecolóxico en tanto que son territorios sustentables sempre que se potencie o seu uso agrícola /forestal que agora está en decadencia tanto pola dificultade para poder viver do cultivo de estas terras como pola especulación do que é obxectoPor último, falamos dun documento que segue sen abordar a solución que dende as políticas sociais, merecen os mal chamados asentamentos marxinais, e as persoas que os habitan. En definitiva, a cidadanía activa e propositiva da Coruña, esiximos participar no modelo concreto (rúas, barrios, comunidades..) e xeral de cidade.Esiximos cauces democráticos de debate participativo sobre como queremos construír o noso ecosistema urbano porque buscamos ter a oportunidade de facer desta cidade un territorio realmente habitable, sustentable e tolerante.

Esixímolo Aquí e Agora.

manifesto.pdf


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel