Acción Manta Branca
manta. denúncia. berro. apoio.
Campaña pola despenalización do top-manta.
A Coruña, sábado 13 de marzo de 2010
ás 19:00 h. no Obelisco
Trae a túa manta !!

Situación

Nos últimos anos, diferentes colectivos sociais comezamos a chamar a atención sobre o uso absolutamente desproporcionado do actual Código Penal  para sancionar a venda na rua de cds, dvds e produtos de marcas falsas. A simples tenéncia ou exposición deste material está-se castigando con 6 meses a 2 anos de prisión (sustituíble por expulsión e proibición de retorno á UE durante 10 anos), multa (que se non se paga convírte-se en mais tempo de prisión)  e o pago de altas indemnizacións ás xestoras de dereitos de autor.

Quen venden na rua estes produtos son, maioritáriamente, persoas sen papeis que non poden regularizar a sua situación, co que se atopan nunha especial vulnerabilidade legal e social. Moitas desas persoas sen papeis ven na venda ambulante a única saida para conseguir unha renda mínima, normalmente duns 10 € diários. Na actualidade hai un cento de persoas en prisión por intentar sobrevivir e centos mais con causas penais abertas pola mesma actividade.

O dereito dos artistas a vivir das suas obras debe ser protexido, pero non ao prezo da desproporción coa que o Código Penal trata ao colectivo manteiro. Hai xa outras ordes xurídicas (administrativa ou civil) que sancionan a venda de cds, dvds e produtos de marcas falsas nas ruas, co cal esta actividade deberia sair do eido penal, no cal só deben estar os delitos mais graves. Tanto por unha cuestión de proporcionalidade, canto polo importante gasto público que supón a posta en marcha do sistema penal.

Por que neste momento?

No marco da reforma do Código Penal que se está a levar a cabo no Congreso na actualidade, o Goberno aprobou unha proposta relativa á venda na rua de cds, dvs e produtos de marcas falsas. Esta apertura ao debate é moi positiva, pero a proposta queda claramente curta: deixa a posibilidade de ingreso a prisión á decisión discrecional dun xuíz e non elimina a sustitución da multa por prisión cando as persoas non poden afrontar o pago.
Por iso, diferentes colectivos sociais teñen presentado enmendas que van na liña de evitar que persoas que venden pequenas cantidades de cds, dvds e produtos de marcas falsas nas ruas sen outros recursos económicos vaian a prisión. É dicir, que de ningún xeito pode penalizarse a supervivenza.
Por iso, estamos nun momento fundamental para a modificación do Código Penal neste punto, para acadar un cámbio lexítimo e xusto.

Unha acción simbólica nas rúas da Coruña

Afortunadamente A Coruña é un lugar que non ten presenciado manifestacións de xenofóbia frecuentes noutros lugares do Estado. Con todo, nos últimos anos certas asociacións de comerciantes, co apoio dalgúns médios e das institucións "progresistas" da cidade teñen feito da persecución do top-manta un campo de batalla. Os problemas do comércio tradicional da cidade non teñen que ver coas mantas, senón co cámbio do modelo de consumo e a chegada de múltiples centros comerciais. Non obstante, é mais doado buscar chivos expiatórios nas persoas sen dereitos, para as cais non se ten mais intelixéncia que a de reclamar a sua persecución policial. E isto ao prezo de poñer en marcha unha retórica a todas luces xenófoba, imprópria dun sistema democrático.

O top-manta convoca, en cámbio, a facer-se outras preguntas, se cadra mais incómodas:  Por que algunhas persoas se ven obrigadas a estar nun lado da manta e outras simplesmente pasean polo outro? Con esta acción queremos expresar que é inaceptable a persecución de quen está situado en peores condicións que as nosas, en nome da nosa seguridade, do noso benestar, e a través dunha mala aplicación da protección á criación artística. Tráta-se de compoñer unha mensaxe que pon de relieve o sensentido do tratamento do top-manta: vendedorxs brancxs, artistas, xuristas... facendo o que a lei considera tan grave como para levar a alguén a estar dous anos no cárcere.

Onde e cando

  • A Coruña (Obelisco, ás 19 h)
  • Barcelona (Pl. Catalunya, ás 18h)
  • Madrid  (Callao-Sol, ás 13 h)
  • Málaga (Plaza de la Merced, ás 19 h)
  • Pamplona (Plaza del Ayuntamiento, ás 19 h)
  • Terrassa (Pl. Vella, ás 19h)

A semana seguinte, mais, en Bilbao, Sevilla, Zaragoza...

Máis información: Ferrocarril Clandestino (www.transfronterizo.net)


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel