antiogm - Share on Ovi

 Despois da experiencia do ano pasado, neste 2010 unha serie de colectivos e organizacións promovemos baixo a lema "Por unha agricultura e unha alimentación libres de transxénicos" unha nova Semana estatal de loita contra os OMG (entre o 5 e o 17 de abril, con especial énfase na semana do 12-17 abril).
Esta culminará cunha manifestación o 17 de abril, que terminará ante a sede do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño en Madrid para amosar o rexeitamento da sociedade civil á introdución de organismos xenéticamente modificados na nosa agricultura e a nosa alimentación.

O Goberno segue tolerando o cultivo a gran escala de Organismos Modificados Xeneticamente (OMG) en territorio español en contra da maioría social e fronte á actitude de precaución adoptada por países como Francia, Austria, Alemaña, Hungría, Luxemburgo, Polonia, Irlanda, Grecia ou Italia, que manteñen moratorias e prohibicións ao seu cultivo. Os niveis de irresponsabilidade política no Goberno alcanzaron cotas perigosas. De feito, e por primeira vez, o Ministerio do Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño recoñeceu o pasado mes de outubro a existencia de persoas e de empresas que sufriron os efectos da política de transxénicos levada a cabo polo Executivo español.

Desde hai unha década as organizacións da sociedade civil denuncian os efectos sociais, ambientais e económicos da presenza de millo transxénico en España. A alimentación e a agricultura libres de transxénicos atópanse nunha situación de indefensión total e abocadas á desaparición, de non pór un remedio inmediato á actual situación. Fronte ás 76.000 ha do millo transxénico de Monsanto MON 810 que se cultivan en España, a agricultura e a gandaría ecolóxicas seguen sendo vítimas das multinacionais e da complicidade do Goberno.

Por todo iso, a PLATAFORMA RURAL ( Amigos de la Tierra, Cáritas Española, Colectivos de Acción Solidaria, Confederación de Consumidores y Usuarios, CERAI, CIC BATA, CIFAES, COAG - Coordinadora de Agricultores y Ganaderos, Colectivo Tierra de Campos, Ecologistas en Acción, Entrepueblos, Fundación Emaus, Jóvenes Rurales Cristianos, Movimiento Rural Cristiano, MUNDUBAT, Red África Europa, Red de semillas resembrando, SEAE, SOC, SODEPAZ, Universidad Rural Paulo Freire, Veterinarios sin Fronteras, Xarxa de Consum Solidari ) e GREENPEACE convocan a esta semana Estatal de accións e á manifestación do 17 de abril, á que nos unimos as organizacións galegas pertencentes á PLATAFORMA GALEGA ANTITRANSXÉNICOS.

Pedímosvos a maior difusión posible e animámosvos tanto a apuntarvos ao autocarro no que a PLATAFORMA GALEGA ANTITRANSXÉNICOS asistirá á manifestación do 17 de abril, coma a organizar/participar no período entre o 5 e o 17 de abril en actos, proxeccións de películas, mesas informativas, accións creativas, debates, reunións políticas ou calquera actividade que nos permita dicir que cada vez somos máis quen nos opomos aos transxénicos no Estado Español.

Via --> Plataforma Galega Antitransxénicos

Aquí podes descargar o cartaz nas dúas normativas:

AdxuntoTamaño
antioxmsMAD10-RAG.jpg36.54 KB
antiogmsMAD10-AGAL.jpg36.64 KB

zocarede

Rede Galega de consumo responsábel