Logo de moito traballo, coordinacións, charlas e algunhas risas, estamos ledas de presentarvos a nova web de Zocamiñoca, non sen antes despedir con agarimo á nosa vella páxina. A pesar de que nos acompañou todos estes meses, xa empezaba a notar o paso do tempo e estábase a facer demasiado lenta. Agora, gañamos en velocidade, pero tamén en seguridade... e agardamos que vos guste tamén a estética.
Agradecemos moitísimo ao noso incríble grupo de informática o estupendo traballo realizado, así como ao grupo de comunicación a colaboración na actualización de imaxe e contidos. Pouco a pouco o grupo de comunicación introducirá novos cambios para actualizar a información á realidade da cooperativa, e ter cada vez máis unha web práctica e útil, tanto para novas visitantes como para as socias que a usamos diariamente.
Máis aló destes cambios de forma, os contidos seguirán sendo moi similares. A zona de acceso segue estando na parte esquerda da web: unha vez rexistrada, a usuaria xa poderá entrar directamente a facer o seu pedido, coma sempre.
Unha das grandes novidades é a posta en marcha da ZocaRede, un espazo de comunicación e participación interna para as socias de Zocamiñoca.
- Necesita un novo rexistro independiente da web. A diferenza da web, no que cada unidade de consumo dispón de 1 usuario único, na ZocaRede cada persoa que forma parte dunha unidade de consumo ten dereito a un usuario.
- Pedímosvos que utilicedes o nome real, para poder recoñecermos todas. Posteriormente poderedes pór unha foto de perfil e cubrir algún outro dato identificativo se queredes.
- No muro principal aparecen as últimas actualizacións feitas. Como veredes, o traballo principal se desenvolve a través dos grupos. Cada grupo e comisión de Zocamiñoca terá un grupo.
- Aínda sen pertencer a ningún grupo, podedes consultar as discusións dos diferentes grupos de traballo, e participar aportando algunha opinión. Se participades activamente nas discusións dalgún grupo, seguramente que tamén vos apetecerá acudir a algunha reunión cando se convoquen.
- Podedes configurar o voso perfil para que vos avise das notificacións. Ide a "Configuración" arriba de todo á dereita, e unha vez dentro a "Notificaciones" e "Notificaciones de grupos".
- Curioseade por un pouco e preguntádenos as dúbidas ou suxerencias que teñades. Un bo lugar é a sección "Río de Notas" que aparece no menú superior despois de pór o cursor sobre "más". Esta sección é válida para calquera tipo de comentario que non podemos englobar en ningún grupo ou comisión de traballo.
Explicámosvos agora como darvos de alta. O acceso faise picando na icona da esquerda. Se é a primeira vez que accedes, terás que rexistrarte para poder continuar:
Nesta pantalla, é necesario picar en Rexistrarse. E así se accederá a un sinxelo formulario, onde introducir os datos da usuaria de Zocamiñoca.
En breves, recibirás un correo confirmando o teu rexistro.
Esperamos que gocedes a nova web!