transxenicos - Share on Ovi

Os últimos estudos de universidades francesas demostran os efectos nocivos para a saúde do millo importado, cultivado e consumido no Estado español.

Desde o inicio da liberación dos cultivos transxénicos, xa se anticipaba que estes novos alimentos poderían xerar problemas para a saúde. Pero desde hai un tempo temos xa probas, evidencias científicas, que demostran que a manipulación xenética de cultivos alimentarios ten implicacións perigosas para a saúde humana. Hai só unhas semanas facíase público un estudo desenvolvido por científicos franceses das Universidades de Caen e Rouen, que analiza os riscos para a saúde asociados a tres variedades distintas de millo modificado xeneticamente: MON810, MON863 e NK603.

O MON810 é o único autorizado para o seu cultivo na UE, e España é practicamente o único país europeo que o cultiva a gran escala. Os outros dous están autorizados para a súa importación e para consumo humano. Os científicos utilizaron os datos en bruto que a propia multinacional Monsanto usou para conseguir a aprobación dos seus millos. Obtidos por vía xudicial, é a primeira vez que estes datos son analizados por investigadores independentes. Os autores atoparon evidencias de danos en fígado ou riles, e mostras de problemas no sistema metabólico en mamíferos. Tamén critican a forma na que Monsanto analizara os datos, sen seguir os estándares científicos internacionais.

Pero hai máis casos de estudos que revelan riscos para a saúde de millos transxénicos aprobados para consumo humano. En novembro de 2008, un estudo da Universidade de Viena, patrocinado polo Goberno de Austria, atopou que os ratos alimentados cun millo transxénico, coñecido como NK603xMON810 tiñan menos descendencia, a consecuencia directa do consumo deste millo. Este estudo demostrou que é imposíbel predicir os efectos da modificación xenética na saúde. A lei ampara o noso dereito a elixir? A lexislación non defende o dereito do consumidor a elixir unha alimentación libre de transxénicos. Aínda que existe a obriga de etiquetar os ingredientes modificados xeneticamente nos alimentos, a lei non esixe, por exemplo, que os produtos provintes de animais alimentados con transxénicos estean etiquetados. E é precisamente a alimentación do gando o principal destino destas colleitas. Por tanto, de forma indirecta, podemos estar a consumir transxénicos por medio de produtos como carne, leite ou ovos. Pero hai outro buraco máis na lexislación. Se un ingrediente ten menos dun 0,9% de compoñente transxénico, esta información non ten por que figurar na etiqueta. Por tanto, hai pequenas doses que entran na nosa alimentación sen que teñamos ningunha posibilidade de sabelo.

Segundo datos da Axencia Española de Seguridade Alimentaria, entre un 15% e un 20% dos produtos no mercado que conteñen millo ou soia están contaminados por transxénicos, na súa gran maioría por baixo do limiar que obriga á súa etiquetaxe. Hai outros que directamente incumpren a lei: produtos como galletas, iogures, flocos de millo, colorante para paellas e, mesmo, alimentos tan sensibeis como potitos ou leite infantil. A posibilidade de contaminación agrávase ao considerar que o Estado español é o maior campo de experimentación con transxénicos ao aire libre de Europa, e que a seguridade destes ensaios non está nin tan sequera avaliada polas multinacionais, como demostra a experiencia de contaminación masiva do arroz de Bayer en EE UU. Podemos evitar comer transxénicos? Hai varias accións que podemos tomar para evitar os transxénicos na nosa dieta.

* En primeiro lugar, non comprar produtos que conteñan a expresión soia ou millo modificado xeneticamente na etiqueta. Hai moi poucos, pero hainos: lecitinas de soia, margarinas, maionesas...

* Evitar no posíbel os produtos precociñados, xa que adoitan conter fariñas, amidón ou aceite de millo ou soia, con alta probabilidade de estar contaminados por transxénicos sen que figure na etiqueta.

* Consumir produtos locais, de tempada e ecolóxicos. En caso de consumir produtos animais, optar polos procedentes de gandaría extensiva ou ecolóxica.

Via --> Diagonal


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel