ANTITOXICO2-206x300 - Share on Ovi

Actualmente vivimos rodeados de sustancias químicas tóxicas. Chégannos a través da comida, a auga, os produtos da limpeza, pesticidas, cosméticos, etc.  A miúdo, son a causa de importantes enfermidades, como a alerxia, a asma, a diabetes ou mesmo o cancro. Pero existen alternativas para levar unha vida máis saudábel. Moitas destas alternativas están presentes en "Anti-Tóxico, Vive unha  vida máis sa". Editado por Espasa, é o último libro de Carlos de Prada, coñecido xornalista e escritor, cuxa destacada laboura en defensa do medio ambiente valeulle importantes recoñecementos, como o Premio Global 500 das Nacións Unidas, o Premio Nacional de Medio Ambiente ou o Premio Internacional Vida Sa, entre outros. Nesta entrevista, de Prada fálanos sobre esta interesante obra, que xa se pode adquirir nas librarías.

Noticias Positivas: Neste libro amosa por onde transcorreu o seu traballo nos últimos anos, centrado na denuncia da presenza da contaminación química en practicamente todos os espazos da vida cotiá, e na promoción doutras formas de vida máis saudabeis. Pero até onde chega actualmente a gravidade do problema da contaminación química?

Carlos de Prada: Poucos problemas de saúde e ecoloxía hai máis importantes que este. Hai algúns anos, no Chamamento de París, varios premios Nobel e outros importantes científicos de todo o mundo subscribiron unha declaración na que afirmaban que unha das maiores ameazas para a saúde no mundo é a contaminación química. Logo houbo outras declaracións, como a Declaración de Praga sobre alteradores endocrinos, na que se alerta das sustancias químicas que perturban o sistema hormonal, problema que está asociado a moitas patoloxías.

Miles de estudos científicos demostran que a exposición, ás veces a niveis moi baixos, a unha serie de sustancias contaminantes está asociada ao incremento de determinados problemas de saúde, que van desde as alerxias á asma, pasando polas enfermidades autoinmunes ou diversos tipos de cancro. A obesidade,  a diabetes ou a infertilidade tamén están asociadas coa exposición a este tipo de sustancias.

O home produciu no últimos cincuenta anos máis de cen mil sustancias  químicas sintéticas, que ademais, combinadas entre si, deron lugar por centos de miles de sustancias químicas que non había na natureza. Como no corpo humano todo funciona polo equilibrio moi fino e delicado de sustancias químicas, a presenza destas sustancias, capaces de alterar o devandito equilibrio, pode producir efectos moi notabeis.

N+: Se este é un problema tan grave, por que se fala tan pouco do mesmo nos medios de comunicación convencionais e nos debates políticos?

C.P: En xeral, a presenza mediática de moitos temas de actualidade adoita ser inversamente proporcional á súa importancia. Canto máis frívolo e máis patético é o tema, máis presenza ten. Non hai máis nada que ver a prensa rosa, o fútbol ou os politiqueos máis baratos. Á marxe diso, non hai que esquecer que hai intereses económicos comprometidos con isto. A industria química, prima irmá da petroleira, da petroquímica, está en todos os ámbitos da vida. Desde as pinturas aos plásticos, pasando polas pesticidas ou os fármacos.

Por todo iso, as resistencias existentes para que se aplique o que a ciencia sabe son enormes. Tárdase décadas, mesmo a pesar de existir evidencias moi fehacientes do dano producido por calquera sustancia, ata que se toman unha serie de medidas. Así sucedeu en casos como os do amianto ou por exemplo co chumbo, ata que se quitou das gasolinas, a pesar de que se sabía dos seus efectos negativos sobre as persoas.

N+: "Anti-Tóxico" está escrito desde un enfoque positivo, ofrecendo alternativas saudabeis en multitude de ámbitos da vida cotiá. O libro presta moita atención á contorna máis próxima das persoas, aos artigos de todo tipo que entran no  fogar. Neste sentido, onde hai que prestar máis atención?

C.P: Existe a idea de que a contaminación é algo que ten que ver con algúns traballadores dalgunhas industrias, como a industria pesada ou as industrias químicas, ou con xente que vive nunha contorna contaminada, como a baía de Alxeciras, Huelva ou Tarragona. O que moita xente non sabe é que unha boa parte das sustancias contaminantes non é que sexan emitidas á atmosfera desde as chemineas dunha fábrica ou vertidas a través dun colector a un río, senón que forman parte de obxectos usados cotidianamente nas casas.

Hai sustancias tóxicas que están nos cosméticos, nos xabóns, nos champús, nas pinturas que se empregan nunha casa. Poden estar nun ambientador, nun perfume, nos retardantes de chama que se utilizan para que un sofá non arda facilmente. Poden estar en cousas ás cales estamos expostos diariamente. Esa é a razón pola cal moitos destes contaminantes aparecen no sangue e nos tecidos da maior parte dos occidentais. O que procuro neste libro é chamar a atención sobre as exposicións inadvertidas ás sustancias químicas tóxicas para pór sobre aviso á xente, e darlles alternativas, porque hai alternativas.

N+: Por exemplo, nesta obra fálase de alternativas en campos como a alimentación, os electrodomésticos, os perfumes ou artigos para a limpeza e a hixiene.

C.P: É un libro escrito como unha especie de manual, como unha guía moi sinxela. Na que se fala, por exemplo, dos produtos de limpeza convencional, que poden conter sustancias moi conflitivas. Tamén se fala da existencia doutros produtos da limpeza, que se poden comprar en ecotiendas, ou mesmo é posible facelos con cousas existentes en casa, empregando sustancias como o vinagre, o bicarbonato sódico ou o bórax. Pódese limpar perfectamente unha casa sen utilizar estes produtos comercializados de forma máis ampla, que poden dar nalgún caso problemas. Por exemplo, os traballadores da limpeza teñen índices de asma moi superiores á media.

Tamén hai cosméticos naturais, que non conteñen unha serie de sustancias que poden producir algúns problemas de saúde. Ademais, hai pinturas ecolóxicas, baseadas en aceites vexetais.

Doutra banda, a alimentación é moi importante. Unha parte dos tóxicos, como os contaminantes orgánicos persistentes, pódennos chegar a través dos alimentos. Estes compostos apareceron ligados, segundo miles de estudos científicos, aos máis diversos problemas de saúde, incluíndo o cancro. Cunha alimentación biolóxica, que non ten pesticidas, por exemplo, estás dalgunha maneira evitando a chegada ao teu corpo dalgúns tóxicos. Tóxicos que no caso das mulleres poden acabar no leite materno, pasando así aos fillos. Ou cando teñen os fillos en formación dentro delas, pódense xerar algunhas alteracións, que logo se cadra se manifestarán no estado adulto, e ninguén o relacionará con esa exposición cando era un embrión.

O que trato de facer no libro é amosar que hai alternativas. Porque a xente en xeral nin sequera quere saber destas cousas. Moita xente ten unha tendencia á hipocondría, asústase das cousas e entón di que non quere sabelas. Crense que coa táctica da avestruz vai conxurar os problemas, cando, por moito que non queiran velas, esas sustancias seguen estando aí.

O que propoño no libro son unhas sinxelas medidas de hixiene, igual que as que se adoptan para eliminar os microorganismos. Ás veces de forma esaxerada, porque hai moito histerismo niso. Eu propoño medidas de hixiene enfocadas cara a outros axentes patógenos, causantes de enfermidades, que son as sustancias tóxicas. Pódese realmente facer moitísimo dunha maneira moi sinxela.

N+: Pensemos nunha persoa que descoñecía todos estes asuntos e le este libro e se plantexa que quere levar unha vida máis saudábel. Por onde debe empezar a introducir cambios para vivir de forma máis sa?

C.P: A priori, a unha persoa pódelle parecer moi complexo. Saber que hai cen mil sustancias químicas sintéticas, que miles delas poden ser tóxicas e que están en todas as cousas que nos rodean pode crear unha sensación de desbordamento. No libro amoso que o que hai que facer é establecer unha orde de prioridades. Se cadra non se pode evitar todos os tóxicos, pero si unha boa parte deles. Para iso hai que adoptar unha serie de medidas, de pasos moi simples, que che poden levar a reducir considerablemente esa carga de tóxicos, e por tanto a reducir o risco de padecer unha serie de problemas de saúde.

O importante é establecer unha orde de prioridades. É a máxima de Maquiavelo, de "divide e vencerás". En lugar de atafegarse, hai que seleccionar unha serie de cousas. Por exemplo, a alimentación, ou as pinturas da casa, ou produtos da limpeza, ou os cosméticos. Simplesmente con actuar sobre os cosméticos ou os produtos de aseo persoal, xa estás a reducir considerablemente a chegada ao teu organismo dunha serie de compostos, por exemplos ftalatos ou almizcles sintéticos.

N+: Vostede tamén se caracterizou por denunciar moitas das enfermidades que están directamente relacionadas coa contaminación química. Neste senso, é un abanderado da causa dun colectivo especialmente vulnerable, como é o dos afectados pola sensibilidade química múltiple.

C.P: Este libro podería ser perfectamente unha guía para persoas con sensibilidade química múltiple, aínda que non só, porque vai enfocado á poboación en xeral. Pero así como a poboación en xeral pódese someter á exposición a estas sustancias e crer que non lles pasa nada, (aínda que despois si lles poida pasar), no caso das persoas con sensibilidade química múltiple non o deben obviar, porque non poden exporse a estas sustancias, que lles producen inmediatamente unha reacción. De feito, algúns dos datos do libro proceden de fontes que teñen que ver con estas persoas, que debido á súa enfermidade coidáronse moito de buscar alternativas. Son produtos que non lles provocan reacción, precisamente porque non conteñen esas sustancias tóxicas, que non soamente causan reacción  aos afectados de sensibilidade química múltiple, senón que ademais determinados estudos ligan a outras enfermidades.

N+: Que tipo de recoñecemento  teñen en España as enfermidades ambientais, como esta de a sensibilidade química múltiple, por parte das administracións públicas?

C.P: En España, lamentabelmente a sensibilidade química múltiple non está recoñecida, como si o está en Alemaña ou en Xapón. As enfermidades ambientais non tenden a estar ben tratadas ou recoñecidas, o cal sucede de dúas maneiras. Algunhas, como no caso da sensibilidade química en España, non están recoñecidas. Agora hai un proceso aberto sobre esta cuestión no Ministerio de Sanidade; imos ver en que queda. Logo hai enfermidades que si están recoñecidas como enfermidades, como o cancro ou a asma. Unha porcentaxe moi importante das mesmas puidese ter que ver coa exposición a sustancias químicas tóxicas, pero non é habitual que se recoñeza esa orixe, porque isto pode supor que se cadra houbese que pagar unha indemnización.

España é un dos países, en canto a enfermidades laborais que moitas veces teñen que ver coa exposición a sustancias químicas tóxicas, onde menos se recoñecen estas enfermidades e máis se maltrata aos traballadores que as padecen.

N+: Para terminar, deixemos unha mensaxe positiva. Outro mundo sen tóxicos é posíbel se...

C.P: Perfectamente sería posíbel un mundo sen tóxicos. Realmente, moitas destas sustancias químicas tóxicas son directamente prescindibeis. Creouse unha falsa necesidade por parte dunhas empresas que tiñan uns produtos que querían vender. Fixeron unhas campañas de mercadotecnia marabillosas para vendelos, e a xente, nunha sociedade movida polas présas e pola falta de reflexión, dedicouse a comprar esas cousas coma se fosen as únicas posibeis. Pero realmente hai alternativas. Desde o principio habíaas. Había por exemplo outros produtos da limpeza antes de que se usasen estes que agora se venden, e todo o mundo limpaba as casas perfectamente.

Ademais había xa, antes de que se comercializasen as pesticidas, métodos de loita biolóxica que estaban a dar moito máis resultado. Tamén existían perfumes naturais, pero fixéronse sintéticos. Realmente, alternativas houbo sempre, posto que con moita frecuencia, o que se fixo é crear falsas necesidades para dar saída a uns produtos sintéticos. Porque o sintético, a diferenza do natural, é sintetizado por alguén, que o patenta e véndeo, mentres que o natural é outra cousa.

En moitos casos, sería perfectamente posíbel un mundo sen a maior parte destas sustancias químicas tóxicas. É máis, a pregunta non é se sería posíbel un mundo sen estas sustancias sintéticas, senón se o mundo vai ser posíbel, tal e como o coñecemos, con elas, posto que isto non só afecta as persoas, senón que tamén está a alterar aos ecosistemas. A pregunta é se un mundo en condicións vai ser posíbel se seguimos creando e pondo no mercado sustancias sen ser anteriormente testadas debidamente para comprobar os seus efectos sobre a saúde das persoas. Eu creo que é posíbel un mundo onde non se antepoñan os intereses mercantís a outro tipo de consideracións. O que non sei se vai ser posíbel é este mundo ao revés no que vivimos.

Via --> Noticias Positivas


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel