Onde foron a parar todos os peixes? É a pregunta que se expón no documental "The End of the line", e a resposta que achegan os científicos participantes nel é tan cruel como sinxela: "Estamos a loitar unha batalla contra os peixes, e estámola a gañar".

The End of the Line, o primeiro documental que revela o impacto da sobrepesca nos nosos océanos, inaugurouse no Festival de Cinema de Sundance en xaneiro de 2009, participando na sección de Documentais.
The End of the Line é un chamamento aos consumidores, para que teñamos en conta a importancia do que comemos; aos pescadores, para que seleccionen de forma responsábel os peixes que pescan; e ao mundo enteiro, para que presione aos gobernos e poidamos salvar os océanos antes de que sexa demasiado tarde.
Na película, que sostén a teoría de que si continuamos pescando ao ritmo ao que o facemos na actualidade esquilmariamos os océanos para o ano 2048, móstransenos os efectos directos da nosa paixón polo peixe: a inminente extinción do atún vermello, potenciada polo enorme crecemento da demanda de sushi entre a poboación occidental; o impacto da superpoblación de medusas sobre a vida mariña; as terribles consecuencias dun futuro sen peixe, que provocaría fames negras masivas; a realidade da pesca actual, que equipada coas últimas tecnoloxías non deixa escapatoria ás poboacións de peces; o mito da piscicultura como solución ao problema.

A película basease no libro The End of the Line, publicado no Reino Unido en 2004 e traducido posteriormente ao xaponés, neerlandés, alemán, italiano e francés. Durante dous anos, o xornalista de investigación Charles Clover traballou na elaboración do libro, unha época  durante a que tivo varios enfrontamentos con políticos e restauradores de renome que mostran moi pouco respecto polo dano que as súas actividades causan aos océanos. Axudado por un equipo de investigadores e expertos do sector, Clover percorreu o mundo enteiro, desde o Estreito de Xibraltar ás costas de Senegal e Alaska, pasando polo mercado de peixe de Tokio, para facer un chamamento mundial por un consumo responsábel de peixe.

A película foi dirixida por Rupert Murray, quen afirma que mediante este documental pretende achegar ao consumidor a unha realidade até agora invisible. "Se amosamos o que está a ocorrer, se amosamos as cifras, se amosamos aos científicos explicando a gravidade da situación, aos peixes arrasados polos barcos xigantescos da pesca industrial, a xente sentirase conectada cun problema que até agora non lles concernía, porque ocorría a quilómetros de distancia, nalgún lugar en alta mar".

A película achega solucións sinxelas e facilmente aplicabeis e apunta á vontade política e ao activismo como medidas cruciais para solucionar este problema mundial: o control da pesca; a redución da frota pesqueira mundial; a protección de grandes áreas do océano mediante unha rede de reservas mariñas que limite a pesca; a información aos consumidores sobre a importancia das súas eleccións á hora de adquirir peixe que proveña de pesca sustentábel coas correspondentes certificacións.

Polo momento "The end of the Line" está a programarse en cinemas do Reino Unido e Norteamérica. A páxina web pon á venda un DVD en inglés sen subtítulos e está a preparar a publicación de diversas versións noutros idiomas. A través da súa páxina web poden adquirirse os DVDs para o uso particular e para a organización de proxeccións.

The End of the Line foi financiada por diversas ONGs do Reino Unido e os EUA.

Via --> Ladyverd


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel