Varios centos de persoas concentráronse esta mañá (19/11/10) diante das instalacións de Danigal, ao carón do xigantesco vertedoiro de Sogama. A planta desta subcontrata recibía até 350 toneladas de lixo ao mes para reciclar plásticos.

Sogama acaba de suspenderlle o contrato, polo que 32 mulleres que traballaban nas cintas mecánicas fixeron esta mañá a última quenda.

Todos os sindicalistas consultados por Galicia Confidencial coinciden no diagnóstico.  Coa escusa da crise, a empresa, participada a partes case iguais pola Xunta e Gas Natural, irá botando a máis operarios das subcontratas da reciclaxe.

"Para enterrar lixo case non necesitan xente"

Así, Luis Gesto, de Comisións Obreiras, argumenta que "o modelo Sogama é unha gran mentira" pois "os que levamos aquí tempo traballando sabemos que o que se prioriza é o económico; e economicamente é máis rendíbel enterrar o lixo que reciclalo, incluso que incineralo".

"O vertedoiro de Sogama dálle prioridade a enterrar o lixo, nin tratar, nin reciclar, nin recuperar nada" insiste o representante de UXT, José A. Gómez.

José A. Castro, da CIG, advirte que "o que queren é enterrar, e para enterrar case non lle fai falta xente case ningunha" polo que isto é "o inicio de moitos máis despedimentos".

Anuncios a esgalla presumindo da reciclaxe que agora desaparece

O argumento de Sogama é que a caída do prezo da enerxía e a crise impiden seguir enviando lixo a Danigal e construír a planta planificada polo bipartito para o  reciclado de metais, onde se ían empregar as hoxe despedidas.

A dirección, que dirixe o militante do PP Luís Lamas, alega acumular 4,5 millóns de débeda. Un dato ben curioso, pois esta primavera Sogama presumía de pechar o exercicio con case un millón de beneficios.

Tal era a suposta bonanza económica, que Sogama mantense como unha das principais fontes de cartos dos medios galegos mediante convenios e acordos publicitarios. Por exemplo, a campaña "Galicia=R+R+R", na que Sogama presumía precisamente da reciclaxe que agora recorta.

O gasto en publicidade na prensa limita a capacidade de moitos xornalistas para informar da bomba de reloxería ambiental que medra cada día en Cerceda. Abonda ver o último plano do vídeo desta reportaxe para decatarse da magnitude  do problema.

Desmantelamento das liñas de reciclaxe

A gran pregunta é a onde irán agora esas 250 toneladas que trataba Danigal? Segundo traballadoras de distintas empresas que operan para Sogama, a liña actual con este Goberno conservador é o desmantelamento das liñas de reciclaxe para unicamente enterrar lixo na Areosa (Cerceda).

"O noso traballo era facer reciclaxe" explica María Pilar Carnota, unha das proletarias afectadas. A muller conclúe que "estase a pagar por unha reciclaxe que non se vai facer".

En xogo hai uns 400 postos de traballo. Estes asalariados das subcontratas farán folga a partir do día 27. O martes irán a Compostela a pedirlle explicacións á Xunta.

Quen manda en Sogama?

O Goberno posúe o 51% de Sogama. O outro 49% é de Gas Natural, a empresa que acaba de gañar o maior pedazo do concurso eólico e que leva anos tentando venderlle ao Goberno a súa participación no polémico macrovertedoiro.

Visto en --> GaliciaConfidencial


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel