Baterías que morren' aos 18 meses de ser estreadas, impresoras que se bloquean ao chegar a un número determinado de impresións, lámpadas que se funden as mil horas... Por que, a pesar dos avances tecnolóxicos, os produtos de consumo duran cada vez menos?

Rodado en Catalunya, Francia, Alemaña, Estados Unidos e Ghana, Comprar, tirar, comprar, fai un percorrido pola historia dunha práctica empresarial que consiste na redución deliberada da vida dun produto para incrementar o seu consumo porque, como xa publicaba en 1928 unha influente revista de publicidade norteamericana, "un artigo que non se desgasta é unha traxedia para os negocios".

O documental, dirixido por Cosima Dannoritzer e coproducido por Televisión Española, é o resultado de tres anos de investigación, fai uso de imaxes de arquivo pouco coñecidas; achega probas documentais e mostra as desastrosas consecuencias ambientais que se derivan desta práctica. Tamén presenta diversos exemplos do espírito de resistencia que está a crecer entre os consumidores e recolle a análise e a opinión de economistas, deseñadores e intelectuais que propoñen vías alternativas para salvar economía e medio ambiente.

Unha lámpada na orixe da obsolescencia programada

Edison puxo á venda a súa primeira lámpada en 1881. Duraba 1500 horas. En 1911 un anuncio en prensa española destacaba as bondades dunha marca de lámpadas cunha duración certificada de 2500 horas. Pero, tal e como se revela no documental, en 1924 un cártel que agrupaba aos principais fabricantes de Europa e Estados Unidos pactou limitar a vida útil das lámpadas eléctricas a 1000 horas. Este cártel chamouse Phoebus e oficialmente nunca existiu pero en Comprar, tirar, comprar móstrasenos o documento que supón o punto de partida da obsolescencia programada, que se aplica hoxe a produtos electrónicos de última xeración como impresoras ou iPods e que se aplicou tamén na industria téxtil coa consecuente desaparición das medias a proba de carreiras.

Consumidores rebeldes na era de Internet

A través da historia da caducidade programada, o documental pinta tamén un fresco da historia da Economía dos últimos cen anos e achega un dato interesante: o cambio de actitude nas consumidores grazas ao uso das redes sociais e Internet. O caso dos irmáns Neistat, o do programador informático Vitaly Kiselev ou do catalán Marcos López, dan boa conta diso.


África, vertedoiro electrónico do primeiro mundo


Este usar e tirar constante ten graves consecuencias ambientais. Tal e como vemos neste traballo de investigación, países como Ghana están a converterse no vertedoiro electrónico do primeiro mundo. Até alí chegan periodicamente centos de colectores cargados de residuos baixo a etiqueta de 'material de segunda man' e o paraugas dunha achega para reducir a fenda dixital e acaban ocupando o espazo dos ríos ou os campos de xogo dos nenos.

Máis aló da denuncia, o documental trata de dar visibilidade a emprendedores que pon en práctica novos modelos de negocio e escoita as alternativas propostas por intelectuais como Serge Latouche, que fala emprender a revolución do 'decrecimiento', a da redución do consumo e a produción para liberar tempo e desenvolver outra forma de riqueza, como a amizade ou o coñecemento, que non se esgotan ao usalas.


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel