fescorunha2014

Nun mes no que se celebra o Día do Comercio Xusto, as organizacións solidarias de Galicia volven xuntarse na Coruña, por terceiro ano consecutivo, con todas aquelas entidades ou persoas que se adican á economía social para lembrar que o comercio responsable e sustentable é unha posibilidade real e próxima, aquí e agora, que pode cambiar as condicións de vida de moitas comunidades de traballadores e traballadoras e tamén a calidade da nosa propia vida.


Na pasada edición, no encontro xuntáranse máis de 20 entidades que representaban a centos de persoas que están a facer realidade agora e aquí a idea de que unha nova economía é posible, unha economía que persegue unha transformación social e defende unha rendibilidade integral (humana, medioambiental, cultural, social e económica), onde a maximización do beneficio económico non é prioridade, e o capital está ao servizo destas persoas e da comunidade. Esta proposta de feira quere dar visibilidade a un modelo de economía solidaria, participativa, local e na que se substitúe competir por cooperar.
Entre os postos das anteriores edicións era posible atopar tanto a produtoras de bens e servizos, como a distribuidoras, financiadoras e comercializadoras que se adicaban a actividades tan diversas como o comercio xusto e a cooperación, o consumo responsable, a banca ética, a bicimensaxería, o urbanismo e a arquitectura sustentable, as enerxías renovables, a reutilización e a reciclaxe, a música libre, o software libre, a tecnoloxía aberta, os mercadiños de troco, a cociña solar...
Este ano, a 3ª edición da Feira de Economía Social se celebrará o sábado 31 de maio, entre as 11 e as 20:30 horas na Praza de Pontevedra da cidade de Coruña. Nese horario haberá ducias de postos na praza, e simultáneamente se levarán a cabo palestras de presentación por parte dalgunhas participantes, actuacións musicais e escénicas, etc.
Nese día será posible:

  • Mercar produtos de comercio xusto (alimentación e artesanía), produtos ecolóxicos e locais (verduras, carne, doces, …) e tamén pratos preparados. Come san, rico e local!
  • Coñecer outras alternativas ao teu consumo eléctrico ou á banca convencional.
  • Trocar todo aquelo que non uses por outras cousas que necesites, ou ver proxectos de troco de bens e servizos sen cartos.
  • Coñecer medios de comunicación alternativos.
  • Informarte de iniciativas locais autoxestionadas (culturais, de hortas urbanas, movementos sociais...).
  • Escoitar en directo grupos de música ou poesía locais que se xestionan á marxe da Sociedade Xeral de Autores.(Durante as horas de xantar haberá actuacións e palestras na praza polo que vos invitamos a quedarvos a xantar connosco)
  • Coñecer proxectos cooperativos que fan actividades vencelladas co benestar da persoa (yoga, reiki...).
  • Descubrir novas formas de mobilidade e transporte máis ecolóxicas (como a bicimensaxería).
  • Aprender como é posible mellorar as relacións entre as persoas e o medio, natural ou construído.

... E moitas cousas máis. Vémonos o día 31 na praza! Achégate e difunde a convocatoria!


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel