Charla-Coloquio en Culleredo

A Concellaría de Mocidade e Voluntariado do Concello de Culleredo, dentro do "Ciclo de Charlas Solidarias", organiza unha charla sobre comercio xusto e consumo responsable.

Día: xoves 15 de abril.
Hora: 20:00h.
Lugar: Pazo Vila Melania, Vilaboa - Culleredo (A Coruña).
Interveñen: Nanda Couñago Otero (Directora da Organización Galega de Solidariedade para o Ecodesenvolvemento Amarante Setem) e Marcial Blanco Castelos (socio Promotor da Cooperativa de Consumo Responsable Zocamiñoca).

Parto na casa

O Colexio de Enfermería de Barcelona presentou unha guía para unificar criterios no parto en casa. Este manual, pioneiro en España, consensua o traballo das matronas e establece recomendacións para esta práctica. Así, o documento marca que para poder dar a luz en casa débense cumprir estas condicións: que o embarazo sexa de baixo risco, que sexa só dun bebé, que se presente de cabeza e que o parto se produza entre as 37 e as 42 semanas de xestación.

A guía recomenda que a muller realice un mínimo de catro visitas clínicas antes do parto, para realizar un seguimento ecográfico e analítico da xestación. Ademais, a matrona debe visitar a casa da xestante un mes antes, para confirmar que o domicilio reúne as condicións necesarias, acordar quen serán os acompañantes durante o parto e empezar a establecer "un ambiente de confianza e intimidade" para a muller. A "Guía de asistencia do parto a casa" establece que a matrona pode axudar a paliar a dor da muller, pero só mediante métodos non farmacolóxicos. No caso de que a paciente pida medicamentos, deberalla trasladar a un hospital.

Pepi Domínguez, matrona e coautora da guía, considera que a opción do parto en casa teríase que dar a coñecer ás mulleres que teñen un embarazo de baixo risco como unha posibilidade máis. Aínda que en España esta non é unha práctica moi estendida, en países como Holanda o 28% dos partos son domiciliarios.

Fonte: Guía para el parto en casa (El Mundo)

Lugar: Aula 7 da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña, no Campus de Elviña.
Día: Martes 6 de abril.
Hora: De 18h a 21h.

Dentro do programa da asignatura de Libre Elección "Indrodución á Cooperación para o Desenvolvemento", organizada por Enxeñería sen fronteiras e a Oficina de cooperación e voluntariado da UDC, celébrase unha mesa redonda sobre comercio xusto este martes. As sesións son de asistencia libre para calquera persoa interesada.

Participarán:

  • Clara Raposo González, membro da ONG A Cova da Terra e especialista en Comercio Xusto e Agricultura Ecolóxica.
  • Carmen Beltrán Moreiras, responsable da Tenda Ecolóxica da ONG Intermón Oxfam.
  • María Paz Gutiérrez, Directora da ONG Solidaridade Internacional Galicia.
  • Membros da Cooperetiva de Consumo Responsable Zocaminhoca da Coruña.
Blog da materia: http://esf-icd.blogspot.com

feira soberanía alimentar

ISAP (Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos) organiza para Sábado 10 de Abril en Santiago de Compostela unha feira e un xantar agroecolóxico pola soberanía alimentar e contra os transxénicos. Estes actos enmárcanse na Semana Estatal de Luita Contra os Transxénicos convocada por Plataforma Rural e Greenpeace, que concluirá 17 de Abril cunha manifestación estatal antitransxénicos en Madrid.

A Feira será de 10:00 a 14:00 horas na Praza do Toral. Nela haberá postos de produtos agroecolóxicos locais e de asociacións que traballan pola soberanía alimentar dos pobos.

O Xantar será oferecido ás 14:30 pola asociación de labreg@s Lentura no local da Troita Armada (Rúa do Pombal 18) cun prezo aproximado por persoa de 12 €. Para o xantar cumpre apontarse no enderezo-e info(a)soberaniaalimentar.info até 6 de Abril indicando se se prefer menu vexetariano ou se se padece algunha intolerancia alimentar.

a paisaxe e a perda de biodiversidade

Lugar: Domus (Sala Leonardo da Vinci)
Día: Luns 15 de marzo
Hora: 20:00h

Francisco Javier López, profesor de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela. FJL é membro do Laboratorio do Territorio, grupo de investigación e docencia da USC cuxo ámbito de traballo é principalmente o territorio rural. Autor de diversos artigos sobre temática territorial e paisaxística, ten participado en diversas obras de índole xeográfica, como o “Gran Atlas de Lugo” e o “Gran Atlas de Pontevedra”.

Na súa intervención abordará os cambios da paisaxe rural nos últimos tempos, cambios motivados pola especialización e a modernización e crecemento das explotacións, que levaron a unha clara perda da súa diversidade, tanto no que se refire á morfoloxía agraria como aos sistemas de cultivo e ao propio hábitat rural. Como consecuencia, a biodiversidade tamén se está a ver afectada, pois as ameazas á paisaxe tamén o son en boa medida á diversidade biolóxica e ecolóxica, pola relación entre ambos conceptos antes comentada.

Fonte: Museos científicos coruñeses: II ciclo "Os luns con ciencia"

zocarede

Rede Galega de consumo responsábel