cartazfaircoopzocas

Conversa aberta sobre FairCoop, a Cooperativa Global por unha Economía Ética  no local de Zocamiñoca o Sábado 12 as 12 h.

A conversa, organizada polo Nodo Local FairCoop Galiza, estará focada na potencialidade de implementar en Galiza experiencias locais de economía ética baseadas na moeda, ferramentas e metodoloxías cooperativas propostas pola FairCoop, para a redistribución da riqueza e o empoderamento das comunidades locais nunha rede de economía global, baseada en principios mais humáns e ecolóxicos fronte ao modelo global capitalista.

Facilitación de parte das compas da Casa Colorida e Imaxinaria.

cartaz sementes

O próximo sábado 13 de febreiro celebrarase en Betanzos (no edificio do antigo Matadoiro, rúa Grupo Brigantium, 5) o terceiro Encontro da Rede Galega de Sementes. Neste evento poderás atopar un mercado de artesán e ecolóxico, mesa de troco de sementes e diferentes charlas e actividades ao longo de todo o día. O programa será:

10:30h - Apertura da Mesa de Troco e do Mercado Artesán e Ecolóxico.

12:00h - Palestra: Combater a avespa asiática (Casa do mel de Goente).

13:00h - Obradoiro de prensado de mazá.

14:00h - Xantar Popular. Trae a túa comida para compartir.

16:30h - Monicreques: Aturuxo Conachil.

17:30h - Charla: Atallar as especies invasoras e a custodia do territorio.

20:00h - Peche da mesa de troco no mercado.

E a bailar coa Foliada con "Os do Xalo"!!!

Non esquezas traer as túas sementes en botes de cristal. E se non tes sementes... non as deixes. Por algo hai que empezar! Haberá tamén algunhas sementes para coller sen necesidade de troco e que poidas empezar a sementar.

stopttip

O Venres 15 de Xaneiro as 19:30 na Nave 1839 (Estación de Tren,  A Coruña) ECOAR Global ofrécenos esta palestra, enmarcada na campaña global STOP TTIP, e que ten como punto central a análise e difusión das nefastas consecuencias que teñen os tratados de libre comercio (TTIP, TISA, CETA...) sobre as persoas e a biodiversidade. Con esta iniciativa pretendemos achegar á cidadanía, a través dun enfoque crítico, que é o que vai supor a aprobación dos tratados de libre comercio. "Buscamos que a xente comprenda como lle van afectar na práctica a posta en marcha de ditos acordos e, ao tempo, que outro tipo de alternativas poderían construírse".

ECOAR))) é un espazo onde conflúen persoas e colectivos que buscan converterse nunha ferramenta eficiente e eficaz para os movementos sociais e a cidadanía baseándose no anticapitalismo, antiglobalización, consumo responsable, defensa do público e dos dereitos humanos, ecoloxismo, interculturalismo, e a horizontalización da sociedade.

cartazIencontroREAS

Desde a Rede de Economía Alternativa e Solidaria REAS Galicia organiza o sábado 23 de xaneiro en Ordes ao I Encontro de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia, que baixo o lema: Intercooperar!!  ten por finalidade darlle visibilidade e coñecer directamente ás persoas que forman parte do sector; creando ou revitalizando espazos de intercooperación. O encontro terá lugar na Praza de Abastos de Ordes onde Zocamiñoca estará como entidade participante.

O evento vai dirixido preferentemente a todas as entidades da economía social, alternativa e solidaria de Galicia que queiran darse a coñecer ou achegarse a ver o que se está facendo ou o que se pretende facer por estes lares a medio prazo. 

 

cartaz5niversariopc

Este 20 de novembro celebraremos o 5º ano de atividade da Plataforma Proxecto Cárcere e teríamos un grande prazer en poder contar convosco para a atividade reivindicativa que realizaremos nese mesmo venres ás 17h en frente do antigo cárcere da Torre.

Realizaremos unha acción lúdico-reivindicativa co nome de "A nao das argonautas" na que recordaremos as propostas colectivas feitas pola cidadanía da Coruña para a recuperación do antigo cárcere como centro sociocultural e da memoria. Sen esquecer os atrancos burocráticos e institucionais cos que nos temos atopado durante a nosa andaina queremos dar unha mensaxe de esperanza e recoñecemento a todas as persoas que dun ou outro xeito soñamos con abrir as portas do cárcere á creatividade e participación cidadá.

Finalizaremos a actividade cunha pequena celebración e brinde na praia das Lapas e unha petiscada no mítico bar "O Patachim" da rua Beiramar.

Esperamos que podades compartir connosco esta celebración.

proxectocarcere.blogaliza.org

 

 


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel